quinta-feira, julho 21, 2005

Crescemos

Sim, ontem, terça-feira, crescemos um bocado no Teatro Principal de Compostela. As gestoras deste blog nom pudemos estar ali, polo menos fisicamente, mas já chegaram aos nossos ouvidos as primeiras críticas: ESPECTACULAR!!!
Parece que nom há outras palavras possíveis. Na espera de que os diversos assistentes nos enviem as suas crónicas do concerto (lembrade: clubedefansmarful@sapo.pt), colamos aqui um dos primeiros comentários que nos envia um dos fans:


MARFUL OU A ELEGANCIA DE SER NORMAIS

Teño un CD de varios no coche. Jabier Muguruza, Narf, Chet Baker, Gregory Isaacs, Steve Earle, Albert Pla, Daniel Darc, Safari Orquestra, Diabologum, Chucho, Propellerheads, Eddie Jefferson, Lenine, Tom Zé, Marful. Cando alguén ven comigo e vai escuitando, deseguido xorde a pregunta: e estes quen son? E cantan en galego? Pero.. eu nunca oíra falar deles. Onde...? Como...? Quen...?
Trátase da elegancia de sermos normais. Nada novo, nada que non dixeran os homes do Grupo Nós e das Irmandandes. Galiza, célula de universalidade. Sen complexos. Ribadeo linda con Barreiros, Trabada, Castropol e … Inglaterra, mar por medio. Lisboa e Porto fican máis perto ca Madrid. E nós sempre fomos Europa, corazón estremecido da Europa campesina, dicía Ferrín. Pero todo isto viña a outra cousa, por outro motivo. MARFUL.
Ai amigos, chegou o tempo de facernos visíbeis, de saír do armario no que nos tiñan metidos. Non acredito na música underground na Galiza, cando nen sequer teño claro cal é a oficial. Non somos underground, fixéronnos invisíbeis. A nosa cultura está feita nas marxes, na periferia, porque nunca nos deixaron –nen empurramos con forza abonda- ser centro. Nin de nós mesmos. Non imos falar da TVG, dos medios públicos, dos millóns gastados en apostas un tanto vergoñentas. Pero si imos falar de Marful, e da cultura galega. Da que existe e resistiu como puido nas beiras, nas ribeiras da Grande Fraga Popular que todo o ollaba. Non se trata de pasar do underground ao sistema, trátase de sermos normais, de facernos ouvir, de normalizar a cultura do País, de sermos quen somos. De crear industria cultural, musical. Infraestructuras. Distribución. Circuítos de concertos. Programas na RG e TVG. E deixarlles aos músicos crear.
Marful anda nesas, ousados. Tráioos ao Auditorio de Ribadeo e van e énchenmo de xente, así, case sen avisar. Unha hora de música urbana, de jazz, de tradicións, de Uxía Pedreira, de músicos que se isto fose Catalunya..., de emoción e de calidade. Non teñen disco no mercado, pero eu teño cinco temas nun CD medio pirata e pínchoo ás veces nalgúns pubs de Ribadeo. Non falta quen me pida e me pregunte por eles. Porque ademais procuran cantar letras intelixentes, con sentido e cos sentidos. Son elegantes, dígovolo eu, teñen un aquel. Como a súa música. E tamén diso estamos faltos.
Agora que un país novo pode ir nacendo, paseniño e co esforzo, axuda e comprensión de tod@s –ningún parto se fai sen dor-, Marful debería soar nos medios públicos que pagamos todos, e moitos de nós ficariamos sorprendidos, felices, camiñando un pouco máis arriba do normal, ao escuitalos. Como ando eu cando, sen me decatar, me atopo no Cantón cantando, polo baixiño, o Leverelem.

Xavier Campos
Técnico de Cultura do Concello de Ribadeo

Sem comentários: