terça-feira, maio 11, 2010

O buzio marfuliano

Outro presente mais para este clube de fans: o buzo que Ugia usa no videolipe do "Pasodoble universal" explicado polo seu autor.

BÚZIO MARFUL
g o n z a l o v á z q u e z

Este vestiario, creado exclusivamente por GV para Marful, partiu basicamente de dúas claves semánticas centrais: a evolución-cambio e a viaxe, reinterpretando esta última como unha viaxe polo mar (que une e non separa), pero unha viaxe por debaixo da superficie, que fixo que este fose rapidamente bautizado con sabor salgado co nome de “búzio marfuliano”, ademais de polo contido por evidentes cuestións de forma.
Foi creado en xaneiro de 2010 con ocasión da participación de Marful no Celtic Connections celebrado en Escocia, onde Glasgow se converteu por uns días na capital mundial da música folk e a onde o grupo asistiu como representante de Galicia, xunto a outros grandes grupos e artistas do mundo enteiro.
Na cotiá forma de traballar de GV, con clara vocación por encher de contido os vestiarios para que estes colaboren profundamente na escena (como o fai na vida mesma), afondamos no significado deste peza e quixemos que se enténdese esta como a revisión dunha Venus contemporánea en clave dionisíaca e con apelido galego, nunha viaxe subacuática ao modo de Manuel Antonio en dignas mans, nun labor pleno do mergullar en negro a un pasado recente e a un pretérito máis afastado do mellor cinema púr dos anos 20, que nos transporta insospeitadamente a lugares alleos.
O xogo lúbrico do erótico e do implicitamente sexual, determinou a forma do colo adaptable (punto) e a súa extensión ata o pubis, apreciable só nas distancias curtas, e matizado pola forma total mediante unha provocada metamorfose da anatomía (apreciable nas distancias escénicas medias-longas), […]. Este vestiario, ademais, vai acompañado dunha pequena alfaia-escultura de metal, ao modo dunha pequena escafandra poética que remata positivamente todo o vestiario e da que falaremos no seguinte apartado deste dossier.
Este vestiario podería ser un “búzio” lícito nun Nautilus reapropiado, máis parecido ao de Verne que ao do Prestige, e que como aquel nos pasearía por Rande para „imaxinar‟ fastuosos galeóns afundidos, para despois transportarnos –case oniricamente e de xeito amfibio- a unha exuberante fragmentariedade do espazo e do tempo, como precisamente fai o primeiro sinxelo de Marful, Pasodoble Universal.
É así e así ten que ser, porque na estirpe musical e literaria do mar, evidentemente presente nos chans e clans da Arousa, este vestido quérenos rescatar dun profundo silencio de contrabando histórico nas beiras do Miño, que musicalmente defende a lingua, con honra de ultra-arraiana, de Ugia Pedreira.

Gonzalo Vázquez

Sem comentários: